Conferencia de Richard Stallaman en Ourense

O pasado dia 29 de Abril, o secretario de Lucux e mais eu, tivemos o privilexio de asistir a unha conferencia de Richard Stallman sobre os beneficios do software libre, e ainda que tivo que rematar con mais antelacion da que Mr. Stallman houbera desexado, foi moi constructiva e amena, estivemos casi duas horas e pasaron comoa se foran 10 minutos.

Resaltar o bo humor de Mr. Stallman e as pequenas “pullas” e xogos de palabras que tivo “en contra” do software privativo entre outras.

En definitiva, eu particularmente, sen duvidalo voltaria a asistir a utra conferencia de Richard moi gustosamente.

Estupor e perplexidade polo premio da Xunta a Microsoft

A comunidade de software libre de Galicia, incluíndo a usuarios, programadores e tradutores que a conforman, e tras o debate oportuno nas canles de comunicación que nos son propias, coincidimos unanimemente na necesidade de facer público o estupor e perplexidade que nos produce a nova feita pública, o día 23/02/09, pola Presidencia da Xunta de Galicia na que se di, literalmente:

“O premio á promoción da realidade plurilingüe consiste nunha distinción honorífica sen contido económico, e correspondeulle na súa primeira edición á empresa Microsoft, galardoada polo seu esforzo de xuntar a diversidade lingüística coas novas tecnoloxías."[1]

O noso estupor non procede de que o galardón se conceda a unha compañía privada, nin tampouco polo feito de que non valoremos a calidade ou esforzo do traballo realizado na adaptación ó galego dos produtos que Presidencia menciona a continuación na nova. A nosa perplexidade refírese a que non podemos comprender os motivos que levan ós gobernos balear, catalán, galego e vasco a outorgar o premio ó fomento ó plurilinguismos a unha empresa que non fomenta tal. Microsoft é unha empresa internacional que obtivo no ano 2008 uns beneficios de 60.700 millóns de dolares e que ben puidera ter pagado por si mesma a tradución completa dos seus produtos ó catalán, éuscaro e galego, que en conxunto suman uns nada desestimables 14 millóns de persosas, un terzo da poboación española. Porén, as traducións dos seus produtos foron feitas por mediación dos gobernos locais, en determinados casos con aportacións directas ou ben con outro tipo de incentivos, cando xa só en concepto de licenzas Microsoft está a percibir millóns de euros anualmente desas mesmas administracións gubernamentais. Caso máis importante é que no caso de traducións de produtos de Microsoft que foron financiadas de xeito público os recursos lingüísticos xerados durante a tradución, que son de enorme valor, non foron postos a disposición pública. Tamén, as traducións de Microsoft Windows XP, Vista ou Office son traducións parciais e non inclúen a axuda, instalación ou outros elementos localizables. Para o catalán, éuscaro e galego, están concebidas como traducións subordinadas do español ou do francés no caso catalán; así que o usuario non ten libertade absoluta para instalar o soporte da súa lingua pois esíxeselle que teña determinadas versións dos produtos Microsoft Windows e Office da versión española ou francesa.

Que Microsoft traduza e ofreza servizos nas linguas propias destas comunidades non repercute máis ca no propio beneficio da empresa que atendendo ás necesidades lingüísticas dos seus usuarios, especialmente de tres do máis importantes, as populosas administracións dos gobernos balear, catalán, galego e vasco coas súas respectivas institucións locais, consegue afianzarse, ó teren xa produtos coñecidos e que ostentan monopolios, neste sector de mercado co efecto colateral de inhibir outras alternativas libres que xa dispoñen destes servizos (tradución das interfaces gráficas e correctores ortográficos ou gramaticais) a un custo nulo.

Así mesmo, a comunidade de tradución ó galego de software libre, síntese dalgunha maneira agraviada pola concesión do galardón así como seguramente se sintan as comunidade de tradutores de software libre do éuscaro e catalán, cos que nos sentimos identificados e apoiamos nesta mesma causa. De xeito similar ó que acontece nas outras comunidades mencionadas, en Galicia lévase máis de dez anos traducindo software libre ó galego de xeito anónimo, altruísta e comprometido. Neste tempo a nosa comunidade conseguiu acadar, por exemplo, a tradución completa dos ambientes de escritorio GNOME e KDE, as distribución Debian ou Ubuntu entre outras, o entorno ofimático OpenOffice.org e a suite Mozilla, os cales son todos proxectos que requiren un esforzo humano colosal. No seu conxunto, os produtos actualmente traducidos constitúen unha alternativa libre, carente de custo, ós produtos da empresa galardoada. Ademais, se falamos de soporte lingüístico, cremos que só o software libre ofrece igualdade de oportunidade e facilidades a tódalas linguas e para comprobar que é así non máis ca botar unha ollada ó que o software libre chega. Como exemplos, o ambiente de escritorio KDE tradúcese a un total de 103 linguas diferentes e GNOME a 110 linguas e as tradución non só se limitan ás maioritarias coma o Chinés ou o Ruso senón que permite a tradución a calquera lingua, poñase por caso o gaélico, o frisón ou o feroés, todas linguas minoritarias, pois o software libre pode ser traducido libremente por calquera que o desexe. En contraposición a isto, as linguas minoritarias non teñen interese económico para empresas como Microsoft así que a efectos de localización son ingnoradas por completo. Nin sequera se facilita a súa tradución dun xeito externo á empresa como fai, por exemplo, Google con algún dos seus produtos.

Finalmente, a Consellería de Industria da man de Mancomun.org, nos últimos anos veu apoiando o software libre e a tradución ó galego dun xeito decidido e comprometido e expresión deste apoio son o plano PEGSI [2] e os encontros de tradutores G11N [3] así como que se conseguiran determinadas traducións, coma OpenOffice.org ou Mozilla. En conxunto, valoramos estes esforzos coma positivos. Por iso, ademais de polos motivos anteriores, apreciamos a concesión do galardón, a suxestión da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coma un xiro no Goberno na dirección oposta e incorrecta. Porén, confiamos e desexamos que a política futura do goberno galego avance apoiándose no software libre e erradicando manifestacións gratuitas e incoherentes coma esta.

[1] http://novas.xunta.es/node/14062 [2] http://www.sociedadedainformacion.eu/pegsi/presentacion.html [3] http://wiki.mancomun.org/index.php/G11n

Lanzamento de GALINUX

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentou hoxe en Santiago de Compostela o Galinux, un completo sistema operativo de fontes abertas configurado para facilitarlle, a todos os galegos e galegas, o uso do seu computador integramente en galego e con aplicacións informáticas libres e gratuítas. Esta iniciativa, promovida polo Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza (Mancomún), dependente da Consellaría e coordinada coa comunidade galega de software libre, xorde co propósito de dar resposta á crecente demanda de recursos e servizos que tanto por parte da cidadanía, como das empresas e de distintos sectores da administración pública galega, viña manifestándose en torno á demanda recorrente dun escritorio ofimático multimedia en galego.

Nun acto no que tamén participou a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, o conselleiro nacionalista explicou que o seu departamento vén apostando decididamente pola introdución das tecnoloxías libres e os estándares abertos en todos os ámbitos da sociedade galega como factor imprescindible para o establecemento dun modelo sustentable de desenvolvemento económico e social baseado nas TIC, así como para o avance cara á independencia tecnolóxica, tal e como se recolle no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI).

Fernando Blanco engadiu que a promoción do software libre no país é unha oportunidade no actual escenario de crise económica xa que implica apostar pola innovación empresarial, a internacionalización, a competitividade e potencia o sector TIC. O titular de Innovación e Industria indicou que o seu departamento está a achegar entre os anos 2008 e 2009 un volume total de recursos de 2,3 millóns de euros para as diferentes iniciativas de software libre vehiculizadas a través de Mancomún e da creación das 3 oficinas universitarias.

O conselleiro ofreceu tamén os datos estatísticos que constatan os bos resultados das políticas desenvolvidas neste ámbito de actuación. Así, segundo os datos do INE do pasado mes de outubro, Galiza é líder no Estado na implantación de sofware libre nos sistemas operativos das PEMES (cun 8,2% fronte ao 7,8% de media no Estado). Os datos dos que dispón pola súa banda o Observatorio Galego da Sociedade da Información indican que un terzo das PEMES galegas dispoñen dalgún tipo de software libre, cun incremento do 48% no último ano e máis que triplicando os valores respecto a 2006. Cómpre salientar ademais que este avance estase a producir sobre todo nas pequenas empresas, aquelas que teñen entre 10 e 49 traballadores, o cal indica que o segmento evoluciona positivamente e é quen de seguir a implantación conseguida nas empresas de maior tamaño.

Canles de distribución

Innovación e Industria acompaña o lanzamento do Galinux con toda unha serie de medidas para fomentar o seu uso, integradas dentro dos cometidos asignados ao Centro de Referencia e Servizos (Mancomún). Así, ademais da descarga habilitada dende a web de Mancomún (http://galinux.mancomun.org), distribuiranse 5.000 unidades do novo sistema operativo, das cales 2.500 serán entregadas a través de preto de 100 puntos como son os centros da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, as asociacións e as oficinas universitarias de software libre.

Co Galinux toda a cidadanía disporá dun contorno de escritorio fiable, seguro e sempre actualizado, xa que ao estar baseado na popular distribución de Linux, nomeada Ubuntu, poderán recibir periodicamente as actualizacións gratuítas que son distribuídas para manter o equipo ao día. Dada a configuración do Galinux non son precisos coñecementos técnicos especiais para poder beneficiarse das súas vantaxes básicas, ademais de que permite ser probado no computador sen modificación algunha.

Galinux é un sistema operativo completo en galego baseado en Ubuntu; ademais de tódalas funcionalidades típicas dun sistema operativo, incorpora os principais aplicativos, como o popular navegador web Firefox, as aplicacións de ofimática incluídas no OpenOffice.org (procesador de textos, folla de cálculo ou presentacións multimedia), un corrector ortográfico en galego, clientes de correo electrónico, un programa de retoque fotográfico de alta calidade, aplicación de mensaxería instantánea, reprodutores de son e vídeo, gravador de CD e DVD, etc. Todos eles en galego e con actualizacións permanentes.

O resultado dunha innovación galega

Dende o punto de vista da persoa que emprega Galinux, trátase dun sistema operativo completo en galego de fácil uso e sen maiores complexidades; mais dende o punto de vista técnico, Galinux é o resultado dunha innovación tecnolóxica que xurdiu dun traballo de prototipado realizado polo persoal de Mancomún pertencente ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA): o AraOS.

Tecnicamente, o AraOS é un metapaquete que define un paradigma funcional de escritorio ofimático multimedia en galego. Isto posibilita unha metodoloxía que permite a creación a un baixo custe de adaptacións específicas para cubrir necesidades moi diversas, facilitando o fornecemento de solucións ad-hoc para sectores específicos como hostalería, micropemes, comercios, educación, sanidade ou aulas informáticas. O proprio Galinux é unha adaptación deste metapaquete, que tamén serviu de base para as instalacións das dúas oficinas informáticas completamente libres da Dirección Xeral: a da Rede de Dinamización da Sociedade da Información e a da Oficina Técnica do PEGSI.

O nome procede de mesturar o do coñecido pingüín galego, o Arao (Uria Aalgae) coas siglas OS (Operative System, ou Sistema Operativo), seguindo a tradición da comunidade do software libre que identifica o Linux cun destes animais.

Fonte: [[Mancomun]http://www.mancomun.org/novas/politicas-e-iniciativas/innovacion-e-industria-lanza-o-galinux-un-completo-sistema-operativo-libre-gratuito-e-en-g.html]

LudusParty.net 2008

Xa chegou a LudusParty.net 2008, e parece ser que este ano ven con moitas e mellores novidades, o primeiro, en canto a novidades re refire, e que iste ano non a organiza Netzone e sei de boa tinta que os que a van organizar, non son ninguns aficionados. Ainda que se queres estar de verdade informado, visita http://ludusparty.net registrate e participa nos foros, e a mellor forma de disipar toda-las tuas dubidas. http://ludusparty.net/imagenes/splash01.jpg

LUCUX Asina un CONVENIO con MANCOMUN

A directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria, Helena Veiguela, asinou esta mañá, en calidade de apoderada da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, un convenio de colaboración cos representantes dos Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GGUL) para a realización de actuacións que contribúan ao desenvolvemento e a difusión das tecnoloxías de código aberto no noso país.

Esta iniciativa, promovida dende o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza- Mancomún, disporá dun orzamento total de 55.000 euros, achegados a través da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, os cales serán distribuídos en partidas de 5.000 euros para cada unha das asociacións.

Segundo explicou a directora xeral -que estivo acompañado no acto polo coordinador do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Xesús M. Benítez Baleato, e máis polo xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, Xosé Lois Villasante -. este convenio reafirma a aposta decidida do goberno galego pola difusión do Software Libre, e animou aos membros dos GGUL a “seguir apostando polo modelo cooperativo de desenvolvemento de software ”.

O convenio incentivará, así, a organización de eventos de carácter divulgativo entre os GGUL, así como a elaboración de material de interese para a toda a comunidade (CD, publicacións…), co fin de acadar unha maior implantación das tecnoloxías e os estándares abertos entre a sociedade galega. Estes obxectivos enmárcanse dentro do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) que define as políticas para que Galiza se introduza plenamente na sociedade da información, seguindo os criterios de accesibilidade e interoperabilidade administrativa.

A sinatura do presente documento renova o acordo subscrito xa no ano 2006 entre Mancomún e os GGUL, para o anterior bienio 2006-2007, en virtude do cal se organizaron preto de medio centenar de eventos, ademais de permitir aos membros destas asociacións participar en congresos para a difusión da labor que dende Galiza se está a realizar neste eido.

As novas propostas serán plasmadas nun plan de actuacións, que presentará cada grupo nun prazo de 60 días e que, tras ser consensuado co Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, se materializará en novas accións para o 2008 ou ben servirán para sufragar aquelas xa levadas a cabo no que vai de ano. Asemade, tamén se fixará o marco de coordinación e colaboración co Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza mediante a creación dunha comisión de seguimento das actividades desenvolvidas.

O acordo foi subscrito por un total de once GGUL (dous máis que na anterior edición): a Asociación de Usuarios de Linux da Universidade de Santiago de Compostela (AULUSC), a Asociación de Usuarios GNIX (AGNIX), a Asociación Grupo de Usuarios de Linux de Ourense (GULO), a Asociación Universitaria Grupo de Programadores y Usuarios de Linux (GPUL), a Asociación Cultural Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPON), a Asociación Grupo de Usuarios de Linux de Galicia (GLUG), o Grupo Asociado pola Libre Información e a Tecnoloxía (GALITE), a Asociación Cultural Ourensana de Software Libre (OUSLI), a Asociación de Usuarios de Linux “Inestable.org”, a Asociación Informática Amigus e a Asociación Cultural de Usuarios de Software Libre de Lugo (LUCUX).

Fonte: http://www.mancomun.org/novas/eventos/mancomun-achegara-55.000-euros-aos-ggul-para-a-promocion-d.html

Fotos:http://picasaweb.google.com/rafacouto/SinaturaConvenioMancomun2008?authkey=i-Erle-rDVc#

Entradas anteriores >>

Feeds